Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior subida na compravenda de viviendas en xullo, cun incremento do 10,8%
A media nacional rexistrou unha baixada do 5,1% no sétimo mes do ano, segundo o avance de datos publicado polo Instituto Nacional de Estadística (INE).
INE; Esradio
Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior subida na compravenda de viviendas en xullo, cun incremento do 10,8%, só superada por Navarra (26,4 %). Así o recollen os datos publicado polo Instituto Nacional de Estadística (INE) sobre o sétimo mes do ano, que contrastan co descenso do 5,1% rexistrado a nivel nacional.
A comunidade galega rexistrou a venda de 2.409 vivendas —2.345 de mercado libre e 63 protexidas—, das cales 1.647 eran de segunda man e 762 de obra nova. En total, 4.213 vivendas cambiaron de titular, xa que tamén houbo 907 herdanzas, 46 doazóns, cinco permutas e 846 operacións doutro tipo.
Máis de 10.000 propiedades transmitidas en xullo
Galicia rexistrou a transmisión de 10.700 propiedades, das que 7.592 eran urbanas e 3.108 rústicas. A nivel nacional, as vendas de vivendas caeron un 5,1 % en xullo respecto ao mesmo mes de 2025, ata sumar 61.417 operacións, a cifra máis alta desde o pasado mes de outubro.
Co descenso rexistrado no sétimo mes do ano, as vendas de vivendas retomaron a tendencia á baixa tras o aumento do 1,6 % observado en xuño. A caída interanual das vendas de vivendas en xullo estivo motivada polo descenso do 1,4 % nas operacións de vivendas novas (que sumaron 13.289) e pola baixada máis acusada, do 6,1 %, nas operacións de vivendas de segunda man (que totalizaron 48.128).
Descenso global do 3% nos sete primeiros meses
Das vivendas transmitidas por compravenda en xullo, o 93,8 % eran de mercado libre e o 6,2 % protexidas. En concreto, as vendas de vivendas de mercado libre sumaron 57.607 operacións —un 4,4 % menos que en xullo de 2025—, mentres que as vendas de vivenda protexida caeron un 14,4 %, ata un total de 3.810 operacións.
En termos mensuais (xullo fronte a xuño), as vendas de vivendas aumentaron un 3,6%, impulsadas polo incremento das transaccións tanto de vivendas de segunda man (+3,5%) como de vivendas novas (+4,1%).
Nos sete primeiros meses do ano, as vendas de vivendas rexistraron un descenso global do 3%, con caídas do 2,6% nas transaccións de vivendas novas e do 3,1% nas de vivendas de segunda man.